Queimada
Conxuro da queimada
Mouchos, coruxas, sapos e bruxas;
demos, trasnos e diaños;
espíritos das neboadas veigas,
corvos, pintegas, e meigas;
rabo ergueito de gato negro
e todos os feitizos das menciñeiras.
Podres cañotas furadas,
fogar dos vermes e alimañas,
lume da Santa Compaña,
mal de ollo, negros meigallos;
cheiro dos mortos, tronos e raios;
fuciño do sátiro e pe do coello,
ladrar de raposo, rabiño de martuxa,
oubeo do can, pregón da morte...
Pecadora lingua da mala muller
casada cun home vello.
Averno de Satán e Belcebú,
lume de cadáveres ardentes,
lumes fatuos da noite de San Silvestre,
corpos mutilados dos indecentes,
e peidos dos infernales cus...
Bruar da mar embravecida,
agoiro de naufraxios.
Barriga machorra da muller ceibe,
miañar dos gatos que andan á xaneira,
guedella porca da cabra mal parida
e cornos retortos de castrón...
Con este cazo
levantarei as chamas deste lume
que asemella ao do inferno,
e as meigas ficarán purificadas
de tódalas maldades.
Algunhas fuxirán a cabalo das súas escobas,
para iren se asulagar
no mar de Fisterra.
Ouvide! Escoitade estos ruxidos...!
Son as bruxas que están a purificarse
nestas chamas espiritosas...
E cando este gorentoso brebaxe
baixe polas nosas gorxas,
tamén todos nós quedaremos
libres dos males da nosa alma
e de todo embruxamiento.
Forzas do ar, terra, mar e lume!
a vós fago esta chamada:
si é verdade que tendes máis poder
que a humana xente,
limpade de maldades a nosa terra
e facede que aquí e agora,
os espiritos dos amigos ausentes
compartan con nós esta queimada.